Un stand de Galicia promocionará os viños, augardentes e licores tradicionais galegos por primeira vez de forma conxunta en Vinexpo (París)

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2022.- Un total de 100 adegas galegas e 10 empresas comercializadoras de augardentes e licores tradicionais, con máis de 130 referencias de viños brancos e tintos e destilados danse a coñecer estes días en Vinexpo, en París, na primeira acción de promoción conxunta levada a cabo pola Asociación de Consellos Reguladores do Viño de Galicia e a II.GG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA). É a primeira vez que se promocionan conxuntamente no exterior viños e augardentes autóctonos galegos, amparados baixo diversos selos de calidade.

Os seis consellos reguladores que conforman ACRUAGA exhiben estes días diferentes referencias de produto nun stand compartido na feira vinícola máis relevante da capital francesa

Para Juan Gil de Araujo, presidente de ACRUAGA, a posta en marcha en Vinexpo dun espazo expositivo común aos seis consellos reguladores, habilitado co apoio do Igape, permitirá “crear sinerxías” entre os distintos territorios amparados e apoiar “a internacionalización dos as nosas adegas e destilerías”. “Pensamos que colaborando e realizando conxuntamente diversas accións formativas e de promoción, poderemos conquistar novos mercados e afrontar o reto da internacionalización”, explica o presidente de ACRUAGA.

Vinexpo

Vinexpo, o evento insignia do grupo Vinexposium, é o primeiro gran encontro internacional do viño do ano. O sector do viño e as bebidas espirituosas, que non se reúne en París desde hai case dous anos, recibiu este ano con moita expectación Wine Paris & Vinexpo Paris, que conta durante tres días con 2.800 expositores de 32 países.

España ocupa o terceiro lugar por detrás de Francia e Italia, cun aumento da participación de todas as comunidades autónomas que participan neste gran evento dedicado á exportación, en particular Castela e León, Galicia e Castela A Mancha.

Sobre ACRUAGA

Hai uns meses creouse a Asociación de Consellos Reguladores do Viño Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA) para dar cobertura a un convenio de colaboración asinado co IGAPE co obxectivo de promocionar a nivel internacional os viños e destilados amparados baixo selos de calidade diferenciados de Galicia.

A entidade impulsará accións formativas e de difusión dos produtos amparados polas seis entidades incluídas na iniciativa: os consellos reguladores de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, O Ribeiro e Valdeorras -no caso dos viños- e Augardentes e Licores Tradicionais. de Galicia. Ademais de Vinexpo, os socios de Acruaga barallan participar en xuño na London Wine Fair, a feira do viño máis relevante de todas as que se celebran no Reino Unido.