Numerosos visitantes achéganse ata o espazo expositor de ACRUAGA en Vinexpo para degustar viños, augardentes e licores tradicionais galegos

No foro, que comezou onte na capital francesa e se prolongará ata mañá, participan seis consellos reguladores cun stand conxunto (os cinco do viño e a II.GG Augardentes e Licores)

París, 13 de febreiro de 2024.- O espazo expositor da Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e as II.GG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA) en Vinexpo (París) espertou, onte, ao longo do día un grande interese e foron moitas as persoas que se achegaron ata o seu stand para poder degustar algúns dos viños, licores e augardentes máis emblemáticos da comunidade. Os cinco consellos reguladores do viño que existen en Galicia e o de augardentes e licores tradicionais dan a coñecer os seus produtos nunha acción promocional conxunta baixo o paraugas de ACRUAGA, entidade da que todos forman parte, que está respaldada pola Xunta de Galicia, a través do Igape.  Trátase da segunda vez, tras a experiencia de 2022, na que ACRUAGA participa neste relevante foro sectorial da capital francesa, que conclúe mañá.

Vinexpo

Vinexpo 2024 é uno dos primeiros grandes encontros internacionais do viño do ano. O sector vinícola e as bebidas espirituosas singularízanse nesta edición do salón francés por aumentar considerablamente o espazo dedicado á degustación de produtos internacionais (un 72% máis con respecto a 2023).

Con máis de 3.960 expositores que acudirán ao foro, procedentes de medio cento de países, Vinexpo tense convertido nun relevante punto de encontro, imprescindible para os profesionais ligados ao eido do viño e dos licores de todo o mundo.

O salón da capital francesa, que acada a súa V edición, consolídase ademais como un observatorio para divulgar e dar a coñecer as dinámicas actuais do sector, entre as que destacan a análise de novas tendencias de consumo ou a procura dun modelo de produción máis sostible.