Denominación de Orixe Rías Baixas

A Denominación de Orixe Rías Baixas, creada en 1988, está situada en Galicia, no noroeste de España, e está dividida en cinco áreas nas provincias de Pontevedra e sur da Coruña (Ribeira do Ulla, Val do Salnés, Soutomaior, Condado do Tea e O Rosal), cada unha cos seus matices distintivos, pero con similares características climáticas, edafolóxicas, ambientais e varietais.

Rías Baixas aséntase sobre amplos vales regados por pequenos ríos de vertente atlántica, Océano que baña as súas costas condicionando a súa meteoroloxía e paisaxe. Este emprazamento, de influencia climática atlántica, é propicio para unha viticultura de calidade baseada en variedades autóctonas maioritariamente brancas, que se cultivan no tradicional e particular sistema de emparrado, destacando sobre todas elas a Albariño, con máis do 95% da produción.

Nesta Denominación de Orixe, os viñedos están situados en pendentes suaves, con menos de trescentos metros de altitude, ou en vales próximos ao mar e asociados aos tramos inferiores dos cursos fluviais, xeralmente en solos de roca granítica e pouco profundos.