Ámsterdam convértese na terceira capital europea na que os viños, licores e augardentes galegos se promocionan de xeito conxunto este ano

Ámsterdam (Holanda), 09 de novembro de 2022.- Ata a capital holandesa viaxaron referencias de viño de máis de 80 adegas galegas, así coma licores dunha ducia de empresas comercializadoras da comunidade autónoma, amparados baixo os selos de calidade dos consellos reguladores que conforman Acruaga, para participar nun acto de degustación no Van der Valk Hotel da cidade. Deste xeito, Ámsterdam convértese, tras París e Londres, na terceira capital europea na que os viños e destilados galegos se promocionan conxuntamente no que vai de ano.
Acruaga desenvolve esta acción promocional en colaboración coa Unión Española de Catadores (UEC), encargada de poñer en marcha o denominado I Salón dos Viños e Augardentes de Galicia en Ámsterdam, que ao longo do día de hoxe se está a levar a cabo na cidade con gran afluencia de público. Neste salón participan un total de 110 marcas de viños e licores de Galicia, amparadas baixo os diversos marchamos de calidade autonómicos.
Segundo destaca Juan Gil de Araujo, presidente de Acruaga, “os Países Baixos representan un dos destinos máis atractivos para as exportacións de viños, augardentes, licores e destilados de Galicia”. Con este showroom conxunto, respaldado pola Xunta, a través do Igape, “pretendemos axudar ás adegas e empresas comercializadoras da comunidade autónoma a afianzar as súas vendas neste potente mercado europeo”.
Público especializado
O I Salón dos Viños e Augardentes de Galicia de Ámsterdam pretende amosar a un público profesional a calidade e diversidade das elaboracións da Galicia vitivinícola, así coma as augardentes e licores que se fan no país. Acruaga activou esta acción promocional no marco do convenio asinado co Igape, cuxo obxectivo é promover a internacionalización dos viños e licores galegos a través de accións divulgativas e formativas conxuntas.
Un convenio que xa favoreceu que os viños e augardentes galegos se exhibiran baixo o mesmo stand, neste 2022, nas relevantes feiras sectoriais Vinexpo (París), no mes de febreiro, e London Wine Fair (Londres), en xuño.