Londres (Reino Unido), 8 de xuño de 2022 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, achegouse hoxe, por segunda xornada consecutiva, ao London Wine Fair 2022, para apoiar a promoción dos viños e augardentes galegos neste certame internacional.
No seu percorrido polos diferentes postos desta feira, o conselleiro reafirmou o compromiso e apoio da Xunta ao sector vitivinícola galego, que se manifesta -salientou- mediante iniciativas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia. Esta ferramenta, elaborada pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega, as universidades galegas e os axentes do propio sector, foi definida por González como unha “folla de ruta” para o futuro destas producións.
Entre outras moitas actuacións, esta Estratexia deseña diferentes medidas para favorecer a internacionalización dos viños da nosa comunidade. Moitas delas vinculadas especialmente coa súa promoción nos diversos mercados, a través, por exemplo, da presenza en feiras e eventos como este que se celebra ata mañá xoves na capital británica e no que participan preto de 120 adegas e outras empresas comercializadoras de viños e augardentes galegos.
A organización de viaxes de familiarización a Galicia de prescriptores e especialistas do mundo do viño -xornalistas, blogueiros e expertos- constitúe outra das vías para favorecer esa internacionalización, así como o reforzo da presenza dos produtos galegos en publicacións especializadas.
Lei da calidade alimentaria
A todo este labor súmase, tal e como destacou o conselleiro, a futura Lei da calidade alimentaria, que vai impulsar de maneira notoria as producións agroalimentarias galegas en xeral, entre elas os nosos viños e augardentes. Así, González afirmou que esta norma ten como principal obxectivo procurar unha nova dimensión no mercado nacional e internacional para os produtos galegos, favorecendo ao tempo o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva, así como proporcionando ás persoas consumidoras todas as garantías.
Nesta feira de Londres teñen presenza tanto as indicacións xeográficas protexidas de augardentes e licores de Galicia como as cinco denominacións de orixe vitivinícolas da nosa comunidade, que son as de Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro, Valdeorras e Rías Baixas. Esta última é a máis exportadora das galegas e ten no británico o seu segundo mercado internacional máis importante (despois de Estados Unidos), cunhas exportacións ao Reino Unido de algo máis de 2,4 millóns de litros no último exercicio e cun incremento do 13,6% en relación coa anterior campaña.