Trátase dun dos foros sectoriais máis importantes de Europa e desenvolverase entre o 12 e o 14 de febreiro
Os territorios amparados galegos darán a coñecer os seus produtos da man de Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas e Augardentes de Galicia (ACRUAGA) e o apoio da Xunta a través do IGAPE
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2024.- Ata 150 referencias de viños, augardentes e licores certificados polas cinco denominacións de orixe vitivinícolas e a de augardentes e licores tradicionais de Galicia poderanse degustar dende este luns e ata o vindeiro mércores, no salón Vinexpo de París. Trátase dun dos foros sectoriais máis relevantes do mundo, no que os consellos reguladores galegos participan cun espazo expositor conxunto dentro dunha acción impulsada pola Xunta, a través do IGAPE, e a Asociación de Consellos Reguladores do Viño de Galicia e a II.GG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA). O stand disporá de varios espazos para que cada consello poida exhibir, de modo individualizado, os seus produtos. Tras a experiencia de 2022, na que os nosos consellos acudiron por vez primeira todos xuntos ao foro da capital francesa, estes volven participar aliñados neste foro para promocionar unha mostra representativa dos seus produtos, amparados baixo cada un dos seus selos de calidade. En relación a esta acción promocional, o novo presidente da asociación, Antonio Lombardía, máximo responsable do Consello Regulador da Ribeira Sacra puxo en valor a relevancia do foro parisino “de cara a visibilizar e dar a coñocer a magnífica calidade dos viños e augardentes galegos elaborados con variedades autóctonas, que contribúen a crear Marca Galicia e, ao tempo, posúen singularidades específicas que os fan únicos e diferentes entre si”.
Sobre ACRUAGA
ACRUAGA, entidade que organiza a acción, naceu en 2021 para dar cobertura a un convenio de colaboración asinado co IGAPE co obxectivo de promocionar a nivel internacional os viños e destilados amparados baixo selos de calidade diferenciados de Galicia.
A entidade, que impulsa accións de difusión dos produtos amparados, pero tamén formativas, está conformada por seis organismos: os consellos reguladores de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras -no caso dos viños- e Augardentes e Licores Tradicionais. de Galicia
Vinexpo
Vinexpo 2024 é uno dos primeiros grandes encontros internacionais do viño do ano. O sector vinícola e as bebidas espirituosas singularízanse nesta edición do salón francés por aumentar considerablamente o espazo dedicado á degustación de produtos internacionais (un 72% máis con respecto a 2023).
Con máis de 3.960 expositores que acudirán ao foro, procedentes de medio cento de países, Vinexpo tense convertido nun relevante punto de encontro, imprescindible para os profesionais ligados ao eido do viño e dos licores de todo o mundo.
O salón da capital francesa, que acada a súa V edición, consolídase ademais como un observatorio para divulgar e dar a coñecer as dinámicas actuais do sector, entre as que destacan a análise de novas tendencias de consumo ou a procura dun modelo de produción máis sostible.